Saturday 04 de May de 2024

O goberno local traslada o seu apoio á comunidade educativa do CEIP A Gándara tralo anuncio da Xunta de pechar unha unidade de Infantil


O grupo de goberno de Narón trasladou á comunidade educativa do CEIP A Gándara o seu total apoio ao comunicarlle o colectivo o anuncio da Xunta de pechar unha unidade de cuarto de educación Infantil. “Manifestamos o noso total apoio ás súas reivindicacións e solidarizámonos coa comunidade educativa do centro, porque a solución para manter unha educación pública de calidade non é ir pechando unidades nin centros, como vén pasando nesta cidade”, denunciaron.
Dende o goberno local tamén incidiron no “lamentable estado en que se atopan algunhas instalacións de centros de ensino públicos da cidade” e aseguraron que “a pesar de que así llo trasladamos en reiteradas ocasións dende o Concello continúan sen realizar investimentos para acometer as actuacións que precisan eses centros”.
Finalmente, recalcaron que “ante este tipo de situacións, en concreto a do colexio da Gándara, dende a comunidade educativa saben que poden contar con nós, que estaremos con eles onde consideren oportuno para instar á Xunta a revertir esta situación”.